Página 4 de 26

Mes da muller no Cine Clube: Programación MARZO ’23

Liches ben: mes, non día, porque no Cine Clube Ádega queremos dedicarlle todo este mes de marzo ás mulleres no cine. Como en tantos outros ámbitos, as directoras, guionistas, actrices… tradicionalmente teñen sido esquecidas ou invisibilizadas. Por iso, neste MES DA MULLER, propómoste dúas citas moi especiais, cunha sorpresa final, para sacar do esquecemento e reivindicar as aportacións que as mulleres fan, e fixeron, ao audivisual internacional. Segue lendo:

Conseguir facer a túa primeira longametraxe non é doado para ninguén, especialmente se a directora é unha muller, moi especialmente se a película trata unha temática en principio “feminina”. Por sorte, nos últimos anos o número de mulleres que se adican ao cine está en aumento, e con elas chegan novas temáticas e formas distintivas de tratalas. Nós quixemos amosar o traballo máis recente do panorama nacional, cun filme que recentemente gañou o Goya a mellor dirección novel para Alauda Ruiz de Azúa e a mellor actriz protagonista para Laia Costa, ademais de varios premios Feroz, Forqué, no Festival de Málaga, e o Gaudí a mellor película europea… un filme que leva meses dando que falar polo seu retrato dunha recente nai superada pola maternidade e que pide auxilio:

CINCO LOBITOS (2022). Proxección: VENRES* 10 de marzo, 21h00 | entrada libre

*este filme proxectarase en VENRES para que o mércores 8 vos poidades unir á manifestación

A seguinte será unha cita co lado máis rebelde da Europa do leste: unha sátira surrealista protagonizada por dúas mulleres que deciden romper con toda norma e xogar coa realidade sen preocuparse das consecuencias. Esta cinta subversiva e experimental dos anos 60 da checoslovaca Vera Chytilová (guion e dirección) foi recoñecida como a mellor película do país en 1966 e considerada unha das mellores aportacións da New Wave checa. Na actualidade, segue sendo citada como a mellor película checa. Porén, a súa distribución foi rapidamente prohibida polo réxime comunista debido ao seu carácter crítico e durante décadas pasou desapecibida. Este mes a poñemos en valor como se merece! Coa súa mistura de cores e caótica estructura, Chytilová rompe coa visión patriarcal dun único tipo de muller esencializada e desposuída de personalidade, que aínda se intenta aplicar hoxe en día:

SEDMIKRASKY (1966). Proxección: MÉRCORES 22 de marzo, 21h00

E falando de experimental e muller, non podiamos deixar pasar a oportunidade de proxectar esta xoia de 14 minutos de Maya Deren (dirección, guion, actuación) que xa en 1943 erixiuse como un dos filmes experimentais máis importantes do cine e converteu á súa directora, unha muller, nunha icona de referencia no panorama estadounidense dos 40 e 50:

MESHES OF THE AFTERNOON (1943). Proxección: MÉRCORES 22 de marzo, tras SEDMIKRASKY

Esta cinta muda estará acompañada por música en directo da man de 3 excelentes artistas do panorama local: Iria Caamaño ao piano, Andrea Petisco ao violonchelo e Jorge Ortal ao violín.

Unha cita única e un final máxico para reivindicar este mes da muller na industria cinematográfica!!

Viaxe cinematográfica por Latinoamérica | Programación FEBREIRO’23

Este mes de febreiro cumplimos un dos teus soños e viaxamos a Latinoamérica!

Porque a túa voz importa e esta foi a proposta máis votada na nosa canle de Telegram, este febreiro traémosche un CICLO DE CINE LATINOAMERICANO.

Atenta ao itinerario:

Comezamos polo Norte: México, 1968, San Miguel de Canoa. Chega á vila un grupo de traballadores universitarios que, acusados de comunistas, serán rexeitados con violencia pola poboación local. Baseado en feitos reais e gravado en formato de falso documental, Felipe Cazals ofrécenos un relato no que a violencia institucional pode fácilmente convertirse en violencia real, e denuncia así feitos sanguinolentos acontecidos no seu país natal dos que pouco, ou nada, se coñece. Por algo o subtítulo do filme é “memoria dun feito vergoñento”.

CANOA (1976). Proxección: MÉRCORES 8 de febreiro, 21h00

Continuamos cara o Sur, ao único país de fala non-hispana en Latinoamérica: Brasil, anos 50, as inseparabales irmás Gusmão medran nun ambiente tradicional, mentres cada unha alimenta soños de cambio propios. Con esta sinxeleza argumentativa, Karim Aïnouz nos fala de conservadurismo, roles de xénero ríxidos e mulleres asfixiadas, esquecidas, con vidas invisibles (ou invisibilizadas). Baseada na exitosa novela homónima de Martha Batalha.

A VIDA INVISIBLE DE EURÍDICE GUSMÃO (2019). Proxección: MÉRCORES 15 de febreiro, 21h00

E dunha punta á outra: rematamos esta viaxe polo continente americano en Chile da man dun filme con gran recoñecemento internacional (gañadora dun premio en Sundance e nominada aos Golden Globes e aos Independent Spirit, entre outros). No seo dunha familia acomodada, a nana de toda a vida verá a súa posición preeminente ameazada ante a chegada dunha nova empregada. Sebastián Silva ofrécenos co seu segundo filme unha dramedia de conflitos xeracionais e, por suposto, de clase, porque a ninguén lle gusta ceder privilexios, sobre todo, cando es a que menos ten.

LA NANA (2009). Proxección: MÉRCORES 22 de febreiro, 21h00

Acompáñasnos nesta viaxe?

Estreamos o 2023! Bótalle un ollo á programación de XANEIRO

No Cine Clube Ádega o 2023 comeza esta semana de xaneiro, e o fai con dous thrillers que pouco (ou nada) teñen que ver, pero que te porán os pelos de punta por igual, aínda que por motivos moi diferentes:

O último filme de Asghar Farhadi, aclamado por la crítica e gañador do Premio do Xurado en Cannes (2021), tráenos un drama moral dos que xa nos ten afeito o director. Protagonizada por un home que está preso por una pequena débeda, a trama desenvólvese en torno o seu intento de saír desta situación, pero as dificultades e o clima de opresión irán in crescendo de forma exponencial e perturbadora. Unha denuncia encuberta do seu Irán natal a través dun heroe común.

UN HEROE (2021). Proxección: MÉRCORES 11 de xaneiro, 21h00

E de heroes pasamos a antiheroes, cun neonoir estadounidense no que dous matóns asaltan un tranvía e crean o pánico entre os seus pasaxeiros sen motivo aparente. Un filme cuase nihilista, cínico, que pasou desapercibido no momento pola incomodidade que causaba, pero que co tempo chegou a converterse en cinta de culto polo seu reflexo tan honesto da sociedade dos anos 60. Foi tamén o filme que fixo despegar a carreira na gran pantalla dos dous protagonistas, uns xóvenes Tony Musante e Martin Sheen.

O INCIDENTE (1967). Proxección: MÉRCORES 25 de decembro, 21h00.

Estrea o 2023 na túa butaca favorita do Salón García. Pódela reservar de antemán nesta ligazón. Alí te agardamos! Feliz ano!

Programación DECEMBRO ’22

O 2022 chega ao seu fin, e despedímonos deste ano de cine por todo o alto, con dous peliculóns —un clásico e un novo, novísimo— que nos reafirman na nosa paixón por esta arte, e que estamos desexando compartir na gran pantalla con todas vós!

Comezaremos no Xapón medieval dos samuráis, adentrándonos na vida de dúas mulleres, sogra e nora, que tentan sobrevivir na súa vila rural como poden, no medio do conflito e sen guerreiros que as protexan. Pero o seu equilibrio precario terminará por quebrar cando a nora tome a un novo home da vila por parella, desatando a furia da sogra e invocando antigas lendas de demos… Celos, carraxe, vinganza, fantasía e erótica… todo se mestura para ofrecernos un relato de terror místico e fantasmagórico en Onibaba, filme asinado por un dos directores máis prominentes (e lonxevos) que nos deu o país nipón: Kaneto Shindô. Pioneiro do cine independente nacional e enormemente prolífico, Shindô deixounos un legado rico e complexo de máis de 50 anos no que explora (e cuestiona) a cultura e historia niponas: dende o folklore e as visións tradicionais do Xapón, pasando pola situación da muller, o rural, o antibelicismo ou as consecuencias da bomba nuclear. Onibaba é unha das obras mestras de obrigado visionado para comprender a profundidade do autor e as raíces da cultura xaponesa.

ONIBABA (1964). Proxección: MÉRCORES 14 de decembro, 21h00

E do Xapón pasado viaxamos a un Irán moi contemporáneo para acompañar a unha familia na súa viaxe en coche a través de paisaxes inhóspitas que non teñen fin. Hit the road é a opera prima de Panah Panahi, fillo do recoñecidísimo director iraní Jafar Panahi, quen se atopa actualmente encarcerado, xunto a outros directores, polas súas ideas políticas e a súa loita pola liberdade en Irán. Esta obra é unha protesta, unha chamada de atención e un canto á liberdade que o fillo esgrime en nome do pai, polo seu pai e por todas aquelas persoas que, como el, foron silenciadas. Dende o drama e a conflitividade familiar, Panahi nos fala do amor e a tenrura, pero tamén das forzas que, invisibles, ameazan ese amor.

HIT THE ROAD (2021). Proxección: MÉRCORES 21 de decembro, 21h00.

Acompáñanos nesta última viaxe de 2022 para despedir o ano AO GRANDE. Como sempre, podes reservar o teu sitio nesta ligazón ou simplemente presentarte no Salón García no día e hora. Alí te agardamos!

Programación NOVEMBRO ’22

As mulleres chegan con forza ao Cine Clube este novembro! Segue lendo:

“Un dos mellores filmes independentes xamais feitos” é un dos reclamos máis repetidos entre a crítica sobre Wanda, a única longametraxe de Barbara Loden, unha road movie independente e semiautobiográfica protagonizada pola propia directora na que seguimos a unha muller que se dirixe irremediablemente cara a súa perdición. A cinta viu a luz en 1970, ano no que gañou no festival de Venecia por mellor película internacional e recibiu o aclamo inmediato nos círculos culturais europeos (como dato, Marguerite Duras proclamouse fan do filme). No seu país de orixe, porén, a cinta pasou bastante desapercibida, sendo incluso desprezada por sectores feministas que vían en Wanda a unha muller pasiva en mans dos homes. O tempo contribiu a unha revisión e xusta revalorización do filme, que é hoxe visto como unha excepcional representación intimista da desigualdade social estadounidense, así como unha cinta eminentemente feminista e antipatriarcal. Pero a reticencia inicial da crítica estadounidense dificultou a distribución do filme ata fai pouco; escasos son os cine clubes e salas do noso país que acolleron a Wanda, polo que podemos asegurar que esta é unha ocasión exclusiva para visionar esta peza mestra.

WANDA (1970). Proxección: MÉRCORES 9 de novembro, 21h00

E continuamos con historias de cine independente protagonizadas por mulleres, nesta ocasión para conmemorar o día internacional contra a violencia contra a muller (25N). 20th Century Women, mulleres do século XX, é unha obra escrita e dirixida por Mike Mills, director estadounidense que xa é coñecido dentro do cine independiente pola súa empatía e sensibilidade. Cun estupendo reparto (Greta Gerwig, Elle Fanning, Annette Bening, Billy Crudup…) nos achegamos as vidas de tres mulleres a finales dos anos 70, con todo o que implica: amor, alegría, dor, amizade, cuestionamento identitario, a asunción da adultez…
Ofrecemos o visionado deste filme xunto coa Área de Igualdade do Concello de Vilagarcía (CIM), polo que o acceso estará aberto para todo o público.

20TH CENTURY WOMEN (2016). Proxección: VENRES 25 de novembro, 21h00.

Si, si, liches ben: este segundo filme proxectarase o VENRES, coincidindo coa data oficial do 25N. Ademais, despois da proxección animaremos aos cineclubistas a vir tomar algo para, nun entorno informal, iniciar un coloquio arredor dos temas tratados no filme e calquera outro. Non perdas esta ocasión de participar no primeiro encontro do Cine Clube Ádega, onde poderás achegarnos as túas opinións, intereses, comentarios… ou simplemente falar de cine, que é o máis nos gusta facer! Agardámoste!!

Para reserva de prazas para as proxeccións, preme aquí.

Programación OUTUBRO ’22

No mes de setembro despedímonos do verán. Adieu ás longas horas de luz e ás terrazas repletas. A vida debe continuar. Por sorte, tamén continúa a programación do cine clube! Este mes de outubro traémosche una carteleira très français.

En homenaxe ao recentemente falecido director franco-suízo Jean-Luc Godard, maior representante da corrente da nouvelle vague que nos anos 60 transformou por completo o panorama cinematográfico francés, abriremos a programación de outubro cun filme do director. Inconformista, polémico e incombustible, con media década de traxectoria, Godard deixou tras de sí un legado de máis de 100 títulos, innumerables premios e recoñecementos, e unha fonte de inspiración infinda para artistas pasados, presentes e futuros. Pierrot le fou (o tolo) é a cinta elixida para visionado na gran pantalla do Salón García. Este filme de 1965 é un dos máis aclamados do director, tanto polo seu estilo rompedor como pola forma errática de representar aos personaxes principais, con idas e vindas, cambios de escena que aparentan inconexas, diálogos rotos (e improvisados polos actores) e referencias directas ao público. En palabras do propio Godard, o que vemos neste filme “c’est la vie“.
Proxección: mércores 5 de outubro, 21h00.

Outro autor consagrado en Francia, de traxectoria máis recente, é Jacques Audiard, quen destacou o pasado ano coa súa cinta Les Olympiades ou PARÍS distrito 13, nominada en varios festivais internacionais (Cannes entre eles). O guion (co-escrito con Céline Sciamma, outra grande do panorama francés) nos fala dun trío de relacións. Amor, amizade e sexo se mesturan no barrio numero 13 de París, quartier des Olympiades. Algunhas das críticas aclaman a cinta por ser a única gravada na capital francesa que non amosa a súa famosa torre, detalle suficiente para suscitar interese no filme.
Proxección: mércores 19 de outubro, 21h00.

Este outubro, vén aprender francés con nós!

(Reserva a túa praza para non perder detalle)

Página 4 de 26

© 2024 Cine Clube Ádega & Web desarrollada por Prixma. &Aviso Legal - Política de Privacidad - Política de Cookies

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies