Categoría: Programación (Página 4 de 20)

Programación NOVEMBRO ’22

As mulleres chegan con forza ao Cine Clube este novembro! Segue lendo:

“Un dos mellores filmes independentes xamais feitos” é un dos reclamos máis repetidos entre a crítica sobre Wanda, a única longametraxe de Barbara Loden, unha road movie independente e semiautobiográfica protagonizada pola propia directora na que seguimos a unha muller que se dirixe irremediablemente cara a súa perdición. A cinta viu a luz en 1970, ano no que gañou no festival de Venecia por mellor película internacional e recibiu o aclamo inmediato nos círculos culturais europeos (como dato, Marguerite Duras proclamouse fan do filme). No seu país de orixe, porén, a cinta pasou bastante desapercibida, sendo incluso desprezada por sectores feministas que vían en Wanda a unha muller pasiva en mans dos homes. O tempo contribiu a unha revisión e xusta revalorización do filme, que é hoxe visto como unha excepcional representación intimista da desigualdade social estadounidense, así como unha cinta eminentemente feminista e antipatriarcal. Pero a reticencia inicial da crítica estadounidense dificultou a distribución do filme ata fai pouco; escasos son os cine clubes e salas do noso país que acolleron a Wanda, polo que podemos asegurar que esta é unha ocasión exclusiva para visionar esta peza mestra.

WANDA (1970). Proxección: MÉRCORES 9 de novembro, 21h00

E continuamos con historias de cine independente protagonizadas por mulleres, nesta ocasión para conmemorar o día internacional contra a violencia contra a muller (25N). 20th Century Women, mulleres do século XX, é unha obra escrita e dirixida por Mike Mills, director estadounidense que xa é coñecido dentro do cine independiente pola súa empatía e sensibilidade. Cun estupendo reparto (Greta Gerwig, Elle Fanning, Annette Bening, Billy Crudup…) nos achegamos as vidas de tres mulleres a finales dos anos 70, con todo o que implica: amor, alegría, dor, amizade, cuestionamento identitario, a asunción da adultez…
Ofrecemos o visionado deste filme xunto coa Área de Igualdade do Concello de Vilagarcía (CIM), polo que o acceso estará aberto para todo o público.

20TH CENTURY WOMEN (2016). Proxección: VENRES 25 de novembro, 21h00.

Si, si, liches ben: este segundo filme proxectarase o VENRES, coincidindo coa data oficial do 25N. Ademais, despois da proxección animaremos aos cineclubistas a vir tomar algo para, nun entorno informal, iniciar un coloquio arredor dos temas tratados no filme e calquera outro. Non perdas esta ocasión de participar no primeiro encontro do Cine Clube Ádega, onde poderás achegarnos as túas opinións, intereses, comentarios… ou simplemente falar de cine, que é o máis nos gusta facer! Agardámoste!!

Para reserva de prazas para as proxeccións, preme aquí.

Programación OUTUBRO ’22

No mes de setembro despedímonos do verán. Adieu ás longas horas de luz e ás terrazas repletas. A vida debe continuar. Por sorte, tamén continúa a programación do cine clube! Este mes de outubro traémosche una carteleira très français.

En homenaxe ao recentemente falecido director franco-suízo Jean-Luc Godard, maior representante da corrente da nouvelle vague que nos anos 60 transformou por completo o panorama cinematográfico francés, abriremos a programación de outubro cun filme do director. Inconformista, polémico e incombustible, con media década de traxectoria, Godard deixou tras de sí un legado de máis de 100 títulos, innumerables premios e recoñecementos, e unha fonte de inspiración infinda para artistas pasados, presentes e futuros. Pierrot le fou (o tolo) é a cinta elixida para visionado na gran pantalla do Salón García. Este filme de 1965 é un dos máis aclamados do director, tanto polo seu estilo rompedor como pola forma errática de representar aos personaxes principais, con idas e vindas, cambios de escena que aparentan inconexas, diálogos rotos (e improvisados polos actores) e referencias directas ao público. En palabras do propio Godard, o que vemos neste filme “c’est la vie“.
Proxección: mércores 5 de outubro, 21h00.

Outro autor consagrado en Francia, de traxectoria máis recente, é Jacques Audiard, quen destacou o pasado ano coa súa cinta Les Olympiades ou PARÍS distrito 13, nominada en varios festivais internacionais (Cannes entre eles). O guion (co-escrito con Céline Sciamma, outra grande do panorama francés) nos fala dun trío de relacións. Amor, amizade e sexo se mesturan no barrio numero 13 de París, quartier des Olympiades. Algunhas das críticas aclaman a cinta por ser a única gravada na capital francesa que non amosa a súa famosa torre, detalle suficiente para suscitar interese no filme.
Proxección: mércores 19 de outubro, 21h00.

Este outubro, vén aprender francés con nós!

(Reserva a túa praza para non perder detalle)

Programación SETEMBRO ’22

Tras unha pequena pausa de verán e unha semana de cine moi concurrida, o Cine Clube volve ao Salón García cunha nova tempada de cine clásico e moderno, sorprendente e reconfortante, hilarante e demoledor… temos para todos os gustos!

A cita comeza mañá mesmo. No marco de Festivala: mulleres creando, convidámosvos a reflexionar sobre a saúde mental das mulleres da man da escocesa Lynne Ramsay e o seu filme We need to talk about Kevin (2011). A partir da relación tortuosa dunha nai co seu fillo, exploraremos a temática da maternidade e os sentimentos de angustia, medo ou culpa que a miúdo experimentan as nais, invisibilizados nos discursos normativos e idealizados sobre o embarazo e a crianza. A entrada será de balde! Proxección: mércores 7 de setembro, 21h00.

Non vos preocupedes se esta primeira cita vos deixa mal corpo, porque a programación continúa cunha divertida sátira que nos trae a unha irreconocible Penélope Cruz, transformada desta vez en exitosa directora de cine que deberá lidiar con dous egos masculinos tan imposibles como o proxecto que ten entre mans. Benvid@s ao mundo do cine e da Competencia oficial (2021). Proxección: mércores 21 de setembro, 21h00.

Ata aquí a carteleira de setembro!

Recordade que podedes compartir a vosa opinión sobre os filmes propostos tras cada proxección a través da nosa canle de Telegram, así como enviarnos as vosas suxerencias, comentarios ou cuestións. Queremos que esta canle se converta nun espazo interactivo, participativo e horizontal para todas as persoas que forman o cine clube: vós! Para unirvos á comunidade, só tedes que premer no seguinte enlace: canle do Cine Clube Ádega.

Ademais, podedes asegurarvos unha praza reservando as entradas aquí! Vémonos no Salón García.

Programación XUÑO

Este mes de xuño traémosvos un contido moi especial!

Como cada ano, o 5 de xuño é o Día Mundial do Medio Ambiente, polo que vos propoñemos un ciclo de medio ambiente con dúas películas que poñen sobre a mesa algunhas das problemáticas máis acuciantes ás que nos enfrontamos como sociedade:

Comezaremos co documental Grazas pola choiva (2017). A partir das grabacións caseiras do granxeiro keniano e protagonista do documental Kisilu Musya, esta primeira longametraxe da noruega Julia Dahr retrata os efectos devastadores do cambio climático e o necesario diálogo Norte-Sur na loita pola xustiza climática. Proxección: mércores 8 de xuño.

A segunda proposta do ciclo é a macedonia Honeyland (2019), unha cinta que evidencia o fráxil equilibrio entre a humanidade e a Natureza a través da mirada dunha recolectora de mel que habita coa súa nai dependente nun lugar inhóspito dos Balcáns. Esta historia chea de tenrura reivindica con gran maestría a ética dos coidados e a interdependencia existente entre as persoas, e entre estas e o seu entorno, ó tempo que amosa os perigos da avaricia humana. Proxección: mércores 15 de xuño.

Pero iso non é todo!

Xuño non é só un mes para pensar no planeta; é tamén un mes para festexar algunhas das conquistas sociais das últimas décadas, como é o Día do Orgullo LGTBIQ+ o 28 de xuño. Xunto coa Área de Igualdade do Concello de Vilagarcía (CIM), eliximos un filme para a ocasión que será totalmente de balde:

Dos Balcáns pasamos ó Cáucaso con Só nos queda bailar (2019), unha obra que narra o despertar (homo)sexual do seu protagonista e as dificultades coas que topará para encaixar nunha sociedade onde a heterosexualidade é a única expresión aceptada. O seu director, Levan Akin, nado sueco de pais georgianos, cuestiona aquí o peso da tradición e dos valores culturais na construcción da identidade individual, a masculinidade e o desexo. Baixo o ton cálido, a fermosura da danza e o poder visual das imaxes, nos atopamos ante un filme político que nos recorda que os dereitos individuais e a liberdade sexual non son unha realidade en todo o globo. Proxección: mércores 29 de xuño.

Como sempre, as entradas xa están a disposición aquí!

Programación MAIO

Do oscarizado director Ryûsuke Hamaguchi (Drive My Car, mellor película estranxeira nos Oscars 2022), este mes de maio traémosvos A ruleta da fortuna e da fantasía (2021), o seu filme anterior que tivo unha enorme acollida entre a crítica internacional. Dividida en tres historias independentes, esta obra de apariencia sinxela e dotada de asombrosa simetría estructural nos fala do azar das relacións humanas, de segredos por confesar e sentimentos non expresados que farán aflorar entre os personaxes (e o público) as emocións máis profundas. É unha cinta que non deixa de sorprender. Proxección: mércores 4 de maio.

E co motivo do Día das Letras Galegas, este ano proxectaremos A virxe Roxa de Marcos Nine, o documental que se alzou gañador do premio Mestre Mateo deste ano polo seu poderío visual e narrativo. O documental, que inclúe partes de animación, recupera a historia da ferrolá Aurora Rodríguez, muller que pasou á historia por se-la asasina de Hildegart Rodríguez, a súa propia filla, concibida por Aurora coma un experimento. Se queres saber máis sobre estas dúas mulleres non te perdas a proxección. A entrada será de balde, e o director Marcos Nine estará presente para introducir a súa obra e conversar co público. Proxección: mércores 18 de maio.

Reserva xa as túas entradas aquí!

Programación ABRIL

Para o mes de abril propoñémosvos dúas películas que nos achegan á realidade social dende perspectivas moi diferentes:

Seis días correntes (2021), a aclamada comedia social de Neus Ballús, introduce cun ollar amable e desprexuizado os conflitos comunicativos que poden xurdir do contacto entre inmigrantes e población local nunha situación tan cotiá como unhas obras. Proxección: mércores 6 de abril.

Pola súa banda, A última película (1971) nos fala das insatisfaccións e frustracións adolescentes nunha pequena vila de Texas nos anos 50. Esta foi a obra que consolidou a Peter Bogdanovich como director na esfera cinematográfica do momento, sendo incluso nominado ó Oscar a mellor director. Probablemente o maior éxito da súa longa traxectoria, queremos con esta película homenaxear a Bogdanovich, falecido o pasado mes de xaneiro. Proxección: mércores 20 de abril.

Podes reservar aquí as túas entradas.

Página 4 de 20

© 2024 Cine Clube Ádega & Web desarrollada por Prixma. &Aviso Legal - Política de Privacidad - Política de Cookies

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies