Categoría: Programación (Página 3 de 20)

De leste a oeste por Europa: programación MAIO ’23

Este mes de maio focalizamos a mirada cinematográfica en Europa, con tres filmes moi distintos entre sí, cada un unha xoia de pleno dereito, se cadra esquecida ou pouco (re)coñecida, motivo polo que lles dedicamos un merecido espazo na gran pantalla. De obrigado cumprimento neste mes das Letras Galegas é a promoción do cinema galego, polo que traemos desta vez unha cinta contemporánea potencialmente aditiva. Intrigada? Pois apunta:

De Suecia rescatamos un clásico moderno, a gañadora ao Globo de Ouro a mellor filme extranxeiro de 1987, un relato agridoce no que o universo infantil do seu protagonista, un neno de 12 anos, vese arrebatado pola enfermidade materna e, como un can, sen voz nin voto, é enviado a unha nova vida no campo. Tamén nomeada a mellor dirección e guión adaptado nos Oscars dese mesmo ano, este filme consolidou a Lasse Hallström na escena internacional como director e guionista, con ese estilo propio co que logra capturar a duzura e a esperanza incluso nos momentos máis crus.

A MIÑA VIDA COMO UN PERRO (1985). Proxección: mércores 3 de maio, 21h00 

E do leste de Europa, retornamos ao noso oeste para festexar o día das Nosas Letras cun filme contemporáneo sobre a Galiza do século XX que abre as portas a unha historia curiosa, sorprendente e descoñecida que tivo, en cambio, un gran impacto na nosa cultura e economía: falamos do cláviceps purpúrea, un fungo alucinóxeno que agroma nos cereais, e que atopou na Galiza un dos lugares de maior produción mundial. Queres saber máis? Pregúntalle a Sabela Iglesas e Adriana P. Villanueva, as súas directoras, que nos acompañarán durante o visionado do seu documental para dialogar co público e aclarar todas as curiosidades sobre este fungo tan descoñecido e tan presente.

NEGRO PÚRPURA (2021). Proxección: mércores 10 de maio*, 21h00. Entrada DE BALDE

*Por mor das eleccións municipais, a proxección Especial Letras Galegas será antes da data oficial do 17 de maio

A última parada por Europa nos leva de novo cara ao leste do continente, da man dun dos máis aclamados directores contemporáneos que este nos ofrece, o internacionalmente afamado e icónico Béla Tarr. Rescatamos do realizador húngaro unha das súas últimas longametraxes, estreada en 2000 aínda que co seu característico branco e negro, un filme de planos longos e temática sombría que segue a tradición da anterior Sátántangó e que, con varias horas menos de metraxe, é considerada a nivel similar de beleza, orixinalidade e vehemencia. Un filme no que argumento e estética van á par e suscitan unha profunda reflexión sobre o comportamento das masas e o poder da demagoxia.

HARMONÍAS DE WERCKMEISTER (2000). Proxección: mércores 31 de maio, 21h00 

Recorda como sempre que podes reservar a túa praza, votar na canle de Telegram, ou facernos chegar as túas suxerencias e comentarios por calquera das vías de comunicación das que dispomos. Elixe a túa e contacta! Queremos saber a túa opinión 🙂

Nova estación, nova cartelera: programación ABRIL ’23

Comezamos a primavera estreando cartelera e nos sumamos ás cores máis alegres desta época. Desfrutade do sol, porque os thrillers que traemos este mes de abril vanvos por os pelos de punta:

Tildada como a “resposta australiana á alienación xuvenil dos 60”, e con reminiscencias ao Paraíso perdido de Milton, seguimos a un novo profesor no seu descenso ao inferno australiano. Alcohol, drogas e malas compañas é a fórmula perfecta para levarse un bo susto. E se ademais estás no medio do deserto, onde vas fuxir? Non hai escapatoria posible a este pesadelo grotesco no que te afundes máis e máis. Hoxe obra de culto, rexeitada e admirada polos australianos a partes iguais polo retrato tan pouco favorecedor do seu país, é un dos filmes que levou o cinema australiano ao panorama internacional (seleccionada para Cannes nese ano); curiosamente, o seu director Ted Kotcheff é canadense.

WAKE IN FRIGHT (1971). Proxección: mércores 12 de abril, 21h00 

E seguimos de paseo polos infernos: desta vez, o inferno interior de quen é tildado como “monstro” pola sociedade, e trata de reprimir os seus desexos máis profundos. Unha cinta polémica e provocadora que nos obriga a mirar nos claroscuros da alma para encontrar os monstros que levamos dentro. O mundo virtual se presenta aquí como unha escapatoria á realidade, unha sorte de gorida onde sentirnos libres do xuízo social. Pero, pode a tecnoloxía liberarnos? É a sociedade demasiado rápida en condenar? Deberiamos aceptar máis graos de “monstrosidade”? Todo esto é o que te atoparás nesta película de Carlos Vermut.

MANTÍCORA (2022). Proxección: mércores 26 de abril, 21h00 

Recorda como sempre que podes reservar a túa praza, votar na canle de Telegram, ou facernos chegar as túas suxerencias e comentarios por calquera das vías de comunicación das que dispomos. Elixe a túa e contacta! Queremos saber a túa opinión 🙂

Mes da muller no Cine Clube: Programación MARZO ’23

Liches ben: mes, non día, porque no Cine Clube Ádega queremos dedicarlle todo este mes de marzo ás mulleres no cine. Como en tantos outros ámbitos, as directoras, guionistas, actrices… tradicionalmente teñen sido esquecidas ou invisibilizadas. Por iso, neste MES DA MULLER, propómoste dúas citas moi especiais, cunha sorpresa final, para sacar do esquecemento e reivindicar as aportacións que as mulleres fan, e fixeron, ao audivisual internacional. Segue lendo:

Conseguir facer a túa primeira longametraxe non é doado para ninguén, especialmente se a directora é unha muller, moi especialmente se a película trata unha temática en principio “feminina”. Por sorte, nos últimos anos o número de mulleres que se adican ao cine está en aumento, e con elas chegan novas temáticas e formas distintivas de tratalas. Nós quixemos amosar o traballo máis recente do panorama nacional, cun filme que recentemente gañou o Goya a mellor dirección novel para Alauda Ruiz de Azúa e a mellor actriz protagonista para Laia Costa, ademais de varios premios Feroz, Forqué, no Festival de Málaga, e o Gaudí a mellor película europea… un filme que leva meses dando que falar polo seu retrato dunha recente nai superada pola maternidade e que pide auxilio:

CINCO LOBITOS (2022). Proxección: VENRES* 10 de marzo, 21h00 | entrada libre

*este filme proxectarase en VENRES para que o mércores 8 vos poidades unir á manifestación

A seguinte será unha cita co lado máis rebelde da Europa do leste: unha sátira surrealista protagonizada por dúas mulleres que deciden romper con toda norma e xogar coa realidade sen preocuparse das consecuencias. Esta cinta subversiva e experimental dos anos 60 da checoslovaca Vera Chytilová (guion e dirección) foi recoñecida como a mellor película do país en 1966 e considerada unha das mellores aportacións da New Wave checa. Na actualidade, segue sendo citada como a mellor película checa. Porén, a súa distribución foi rapidamente prohibida polo réxime comunista debido ao seu carácter crítico e durante décadas pasou desapecibida. Este mes a poñemos en valor como se merece! Coa súa mistura de cores e caótica estructura, Chytilová rompe coa visión patriarcal dun único tipo de muller esencializada e desposuída de personalidade, que aínda se intenta aplicar hoxe en día:

SEDMIKRASKY (1966). Proxección: MÉRCORES 22 de marzo, 21h00

E falando de experimental e muller, non podiamos deixar pasar a oportunidade de proxectar esta xoia de 14 minutos de Maya Deren (dirección, guion, actuación) que xa en 1943 erixiuse como un dos filmes experimentais máis importantes do cine e converteu á súa directora, unha muller, nunha icona de referencia no panorama estadounidense dos 40 e 50:

MESHES OF THE AFTERNOON (1943). Proxección: MÉRCORES 22 de marzo, tras SEDMIKRASKY

Esta cinta muda estará acompañada por música en directo da man de 3 excelentes artistas do panorama local: Iria Caamaño ao piano, Andrea Petisco ao violonchelo e Jorge Ortal ao violín.

Unha cita única e un final máxico para reivindicar este mes da muller na industria cinematográfica!!

Viaxe cinematográfica por Latinoamérica | Programación FEBREIRO’23

Este mes de febreiro cumplimos un dos teus soños e viaxamos a Latinoamérica!

Porque a túa voz importa e esta foi a proposta máis votada na nosa canle de Telegram, este febreiro traémosche un CICLO DE CINE LATINOAMERICANO.

Atenta ao itinerario:

Comezamos polo Norte: México, 1968, San Miguel de Canoa. Chega á vila un grupo de traballadores universitarios que, acusados de comunistas, serán rexeitados con violencia pola poboación local. Baseado en feitos reais e gravado en formato de falso documental, Felipe Cazals ofrécenos un relato no que a violencia institucional pode fácilmente convertirse en violencia real, e denuncia así feitos sanguinolentos acontecidos no seu país natal dos que pouco, ou nada, se coñece. Por algo o subtítulo do filme é “memoria dun feito vergoñento”.

CANOA (1976). Proxección: MÉRCORES 8 de febreiro, 21h00

Continuamos cara o Sur, ao único país de fala non-hispana en Latinoamérica: Brasil, anos 50, as inseparabales irmás Gusmão medran nun ambiente tradicional, mentres cada unha alimenta soños de cambio propios. Con esta sinxeleza argumentativa, Karim Aïnouz nos fala de conservadurismo, roles de xénero ríxidos e mulleres asfixiadas, esquecidas, con vidas invisibles (ou invisibilizadas). Baseada na exitosa novela homónima de Martha Batalha.

A VIDA INVISIBLE DE EURÍDICE GUSMÃO (2019). Proxección: MÉRCORES 15 de febreiro, 21h00

E dunha punta á outra: rematamos esta viaxe polo continente americano en Chile da man dun filme con gran recoñecemento internacional (gañadora dun premio en Sundance e nominada aos Golden Globes e aos Independent Spirit, entre outros). No seo dunha familia acomodada, a nana de toda a vida verá a súa posición preeminente ameazada ante a chegada dunha nova empregada. Sebastián Silva ofrécenos co seu segundo filme unha dramedia de conflitos xeracionais e, por suposto, de clase, porque a ninguén lle gusta ceder privilexios, sobre todo, cando es a que menos ten.

LA NANA (2009). Proxección: MÉRCORES 22 de febreiro, 21h00

Acompáñasnos nesta viaxe?

Estreamos o 2023! Bótalle un ollo á programación de XANEIRO

No Cine Clube Ádega o 2023 comeza esta semana de xaneiro, e o fai con dous thrillers que pouco (ou nada) teñen que ver, pero que te porán os pelos de punta por igual, aínda que por motivos moi diferentes:

O último filme de Asghar Farhadi, aclamado por la crítica e gañador do Premio do Xurado en Cannes (2021), tráenos un drama moral dos que xa nos ten afeito o director. Protagonizada por un home que está preso por una pequena débeda, a trama desenvólvese en torno o seu intento de saír desta situación, pero as dificultades e o clima de opresión irán in crescendo de forma exponencial e perturbadora. Unha denuncia encuberta do seu Irán natal a través dun heroe común.

UN HEROE (2021). Proxección: MÉRCORES 11 de xaneiro, 21h00

E de heroes pasamos a antiheroes, cun neonoir estadounidense no que dous matóns asaltan un tranvía e crean o pánico entre os seus pasaxeiros sen motivo aparente. Un filme cuase nihilista, cínico, que pasou desapercibido no momento pola incomodidade que causaba, pero que co tempo chegou a converterse en cinta de culto polo seu reflexo tan honesto da sociedade dos anos 60. Foi tamén o filme que fixo despegar a carreira na gran pantalla dos dous protagonistas, uns xóvenes Tony Musante e Martin Sheen.

O INCIDENTE (1967). Proxección: MÉRCORES 25 de decembro, 21h00.

Estrea o 2023 na túa butaca favorita do Salón García. Pódela reservar de antemán nesta ligazón. Alí te agardamos! Feliz ano!

Programación DECEMBRO ’22

O 2022 chega ao seu fin, e despedímonos deste ano de cine por todo o alto, con dous peliculóns —un clásico e un novo, novísimo— que nos reafirman na nosa paixón por esta arte, e que estamos desexando compartir na gran pantalla con todas vós!

Comezaremos no Xapón medieval dos samuráis, adentrándonos na vida de dúas mulleres, sogra e nora, que tentan sobrevivir na súa vila rural como poden, no medio do conflito e sen guerreiros que as protexan. Pero o seu equilibrio precario terminará por quebrar cando a nora tome a un novo home da vila por parella, desatando a furia da sogra e invocando antigas lendas de demos… Celos, carraxe, vinganza, fantasía e erótica… todo se mestura para ofrecernos un relato de terror místico e fantasmagórico en Onibaba, filme asinado por un dos directores máis prominentes (e lonxevos) que nos deu o país nipón: Kaneto Shindô. Pioneiro do cine independente nacional e enormemente prolífico, Shindô deixounos un legado rico e complexo de máis de 50 anos no que explora (e cuestiona) a cultura e historia niponas: dende o folklore e as visións tradicionais do Xapón, pasando pola situación da muller, o rural, o antibelicismo ou as consecuencias da bomba nuclear. Onibaba é unha das obras mestras de obrigado visionado para comprender a profundidade do autor e as raíces da cultura xaponesa.

ONIBABA (1964). Proxección: MÉRCORES 14 de decembro, 21h00

E do Xapón pasado viaxamos a un Irán moi contemporáneo para acompañar a unha familia na súa viaxe en coche a través de paisaxes inhóspitas que non teñen fin. Hit the road é a opera prima de Panah Panahi, fillo do recoñecidísimo director iraní Jafar Panahi, quen se atopa actualmente encarcerado, xunto a outros directores, polas súas ideas políticas e a súa loita pola liberdade en Irán. Esta obra é unha protesta, unha chamada de atención e un canto á liberdade que o fillo esgrime en nome do pai, polo seu pai e por todas aquelas persoas que, como el, foron silenciadas. Dende o drama e a conflitividade familiar, Panahi nos fala do amor e a tenrura, pero tamén das forzas que, invisibles, ameazan ese amor.

HIT THE ROAD (2021). Proxección: MÉRCORES 21 de decembro, 21h00.

Acompáñanos nesta última viaxe de 2022 para despedir o ano AO GRANDE. Como sempre, podes reservar o teu sitio nesta ligazón ou simplemente presentarte no Salón García no día e hora. Alí te agardamos!

Página 3 de 20

© 2024 Cine Clube Ádega & Web desarrollada por Prixma. &Aviso Legal - Política de Privacidad - Política de Cookies

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies