Categoría: Programación (Página 1 de 20)

Vai rematando o ano, pero aínda nos queda moita maxia: Programación NOVEMBRO-DECEMBRO ’24

Velaquí a carteleira tan colorida que vos agarda estes derradeiros meses de 2024:

Tras Lazzaro Felice e Le Meraviglie, voltamos a unha máxica Italia da man de Alice Rohrwacher para acompañar a un pintoresco grupo de cazafortunas na súa busca de tesouros soterrados, ao tempo que o seu líder persegue desesperadamente a quimera dos seus soños.

A QUIMERA | venres 15 novembro, 20h30

E aliámonos de novo coa EOI de Vilagarcía para ofrecervos unha clase maxistral de idiomas en clave de cine. En novembro practicaremos portugués cunha cinta documental feminista, que, atención, non estará subtitulada! Preparade os oídos e escoitade ben. Pero non só iso, senón que a propia Marta Pessoa, a directora do filme, estará connosco para contarnos más do seu proceso e dialogar co público. Un intercambio de idiomas de 10.

UM NOME PARA O QUE SOU | xoves 21 novembro, 20h30

*gratuito para persoas socias e EOI

A gañadora d’Un Certain Regard en Cannes 2023, e a ópera prima de Molly Manning Walker, máis coñecida como directora de fotografía (título que quedará patente nesta longametraxe), nos leva de viaxe de amigas a Grecia, onde todo é beber, salir, repetir… Pero, no medio do éxtase xuvenil, as protagonistas terán que navigar as complexidades do sexo e do consentimento.

HOW TO HAVE SEX | mércores 27 novembro, 20h30

*acceso de balde – especial 25N

Pechamos a cartelería deste aPechamos a cartelería deste ano cunha xoia da animación actual, e a gran despedida de Hayao Miyazaki da ilustración. Este é o testamento do maestro para o seu neto, unha historia que o acompañe no seu crecemento e lle axude a encarar as dificultades da vida.

EL CHICO Y LA GARZA | venres 13 decembro, 19h00*

*o filme proxectarase en horario infantil e versión dobrada

Pero hai máis! Antes das festas de Nadal, despedímonos por todo o grande deste ano cunha festa audiovisual, un

ESPECTÁCULO FILME CONCERTO con DJ MAEFIELD | venres 20 decembro, 20h30

iremos revelando máis detalles próximos á data 😉

Volta ao cole…que diga, cine! | Programación SETEMBRO-OUTUBRO ’24

Chega setembro e toca retornar ás aulas onde aprender, expandir a curiosidade e socializar… as salas de cinema! Velaquí o currículo cinematográfico para este novo período:

Cun estilo documental que xoga entre os límites da ficción e da realidade, e notas de film noir que se achegan ao Vertigo de Hitchcock, traémosche un moderno drama romántico na China moderna. Un filme enormemente aclamado pola crítica e considerada a mellor obra do seu director Lou Ye, quen en todo momento xogará a sorprender ao espectador con xiros inesperados, alegorías, saltos de temporalidade e escenario, ou incluso confusión entre as personaxes que conforman este cadro inasible.

SUZHOU RIVER | mércores 11 setembro, 20h30

De relacións insospeitadas versa tamén o filme biográfico sobre o rockeiro Mauricio Aznar, recoñecido no festival de San Sebastián de 2023. O músico recorre Latinoamérica fuxindo da pantasma da adición, e polo camiño será acollido por outro músico co que desenvolverá unha tenra así como extravagante amizade. Rock e folclore unidos neste filme de Javier Macipe.

LA ESTRELLA AZUL | venres 27 setembro, 20h30

Outubro chega e nos atrapa na soidade e nos ritmos lentos. Se os protagonistas anteriores de antes se atopaban, agora despídense. Dende un minimalisto exquisito, observamos a separación de dúas amigas que xa non viven xuntas, unha mudanza que porá en vilo a súa amizade, unha partida que abre fendas se cadra insalvables.

A MOZA E A ARAÑA | mércores 9 de outubro, 20h30

E cunha estrea pechamos a programación desta etapa. Pero non unha estrea nova, senón unha que xa tivo lugar en 1977. En homenaxe á recén falecida diva da interpretación Gena Rowlands, proxectamos a película na que separar a actriz da personaxe resulta complexo por partida dobre, e a idade xa se presenta coma un monstro ao acecho das grandes artistas. Como de habitude, da man de John Cassavetes, vemos a unha Rowlands brillar e perderse na escuridade a un tempo.

NOITE DE ESTREA (OPENING NIGHT) | venres 18 de outubro, 20h30

Reserva xa as túas entradas e non perdas o comezo de curso no Salón García!

Outro mes para estares orgullosa | programación XUÑO ’24

De novo en xuño enchémonos coas cores do Orgullo LGTBIQ+! E, para compensar tanta cor, traémosche outro filme en branco e negro, pero igual de brillante.

Tras a resaca das eleccións europeas, afastámonos do continente para achegarnos ao maestro do cinema xaponés, Kenji Mizoguchi, afamado pola súa poética visual e a súa crítica ao Xapón patriarcal. Nesta ocasión, Mizoguchi amósanos as consecuencias da guerra na poboación civil a través da historia de ambición e egoísmo de dous protagonistas masculinos: o un aspira a enriquecerse, o outro, a converterse en samurai. Serán, en cambio, as personaxes femininas as que máis han sofrir as consecuencias destas accións. Mizoguchi combina con enorme maestría a crudeza da violencia coa beleza máis pura nesta cinta de carácter fantástico, que se conta baixo a pálida lúa:

CONTOS DA LÚA PÁLIDA (1953)* | Mércores 19 de xuño, 20h30**

E agora si que entramos de cheo nas cores que máis caracterizan xa ao mes de xuño, unhas cores para encherse de orgullo e reivindicación. Retomamos, da man de Alejandro Marín, unha parte da historia da loita polos dereitos LGTBIQ+ no territorio nacional, contada a través do amor dunha nai polo seu fillo, posiblemente o único amor capaz de romper con todos os prexuízos, ao ritmo das Grecas:

TE ESTOY AMANDO LOCAMENTE (2023)* | Mércores 26 de xuño, 20h30**

entrada de balde!

**Recorda que agora as pelis comezan ás 20h30.

Pon as túas mellores cores e vén amar locamenti o cine coma nós.

Ciclo de Cine Galego | Programación MAIO ’24

Porque un só día para festexar as Nosas Letras non é suficiente, neste mes de maio traémosche 3 (si, 3) datas nas que achegarte ao cinema made in Galicia, ademais de estar moi ben acompañadas por algunha das responsables da película. Quen será, será?

O primeiro filme-coloquio do mes vén da man de Felipe Lage, produtor de Zeitun Films, con quen atravesaremos as montañas do Atlas marroquí, nun intento de dar reposo ao patriarca moribundo no lugar onde naceu. Con Lage conversaremos sobre este “western relixioso”, apelativo co que o seu irmán e director do filme, Oliver Laxe, se referiu a este traballo, anterior á súa obra quizais máis coñecida (Lo que arde) e tamén premiada en Cannes (Nespresso Grand Prize).

MIMOSAS (2016)* | Mércores 8 de maio, 20h30**

*Colección Filmoteca de Galicia: entrada especial de 2’50€ (socixs de balde)

E que mellor homenaxe á terra nai que cunha película que leva o seu nome, gravada ademais na Arousa e que visibiliza algunhas das problemáticas que máis afectan ao territorio, e particularmente ás mulleres, ao tempo que nos adentramos na vida de dúas delas, nai e filla, e a súa loita por manterse a flote. Quédate tralo filme de Álvaro Gago ao coloquio, que de seguro terás moito que dicir:

MATRIA (2023)* | XOVES 16 de maio, 20h30**

Acceso de balde ata completar aforo

Na última viaxe por este mes de filmografía galega, estaremos acompañadas de Leslie Howard, ao que talvez coñezas de películas como Foise co vento, e do director Marcos Nine, para profundizar na vida deste actor británico cuxos restos descansan en Cedeira, vítima dun ataque aéreo nazi. Era acaso espía durante a Segunda Guerra Mundial? Cal era o seu rol e que facía nas costas galegas? A todo isto tratará de responder Nine no seu fascinante documental que nos retrotrae a unha época de espías, espías dobles e aparenzas por onde se pasearán todas as grandes estrelas de Hollywood do momento:

A VIAXE DE LESLIE (2014)* | XOVES 23 de maio, 20h30**

Adéntrate con nós nesta viaxe triple polo cinema galego e festexemos ao grande este mes de Galicia!

**Atentas ao cambio de horario! Agora que a biblioteca mudou de espazo, o cine invade o edificio do Salón García media hora antes 😉

De abundancia vai o mes: programación ABRIL ’24

A abundancia da recén estreada primavera reflíctese na obra dos dous directores que eliximos para o mes de abril. Malia ás claras diferenzas, ambos son considerados intelectuais contemporáneos, altamente controvertidos e especialmente prolíficos na súa produción audiovisual (se falamos dos anos 60 a esta parte). Sabes de quen podemos estar a falar?

O primeiro é fácil. A un ritmo de case un filme por ano, e aínda en activo malia aos seus 88 anos, o inconfundible Woody Allen continúa cos seus enredos amorosos (ficticios e reais), comedias negras e tensións por resolver. Na súa última película sitúa a acción en París, nunha parella aparentemente ideal que verá a súa estabilidade ameazada. O crime e a sospeita farán a súa aparición neste filme que porén resulta lixeiro e entretido. Unha vez máis, o neoyorkino demostra que aínda lle quedan ideas dabondo nesa famosa caixa onde as colecciona. Unha sorte para o mundo do cinema.

GOLPE DE SORTE (2023) | Venres 12 de abril, 21h00

E pechamos o cunha nova aportación da Filmoteca de Galicia* para ofrecerche a opera prima da que sen dúbida é a figura cultural máis destacada da Italia do século XX: Pier Paolo Pasolini. Pensador e escritor de novela, ensaio, poesía, teatro… e tamén cinema, este intelectual enmarcou cos seus filmes o lado máis cru da sociedade italiana, dende unha visión especialmente crítica cos cambios sociais e culturais que observaba na súa patria. Con Accattone Pasolini estréase como director, centrando a cámara nas comunidades marxinais de Roma, focos de prostitución e crime, para contrastar a dureza das marxes co progreso económico que parecía experimentar o país. Este título marcaría o ton, temáticas e estilo que Pasolini habería de empregar nas súas sucesivas obras audiovisuais, que foron moitas para os escasos 15 anos que o autor se colocou detras da cámara, antes da súa prematura morte. Considerada pola crítica como unha das películas de maior crudeza argumentativa, Accattone é, con todo, unha cinta imprescindible na historia do cinema italiano e no patrimonio audiovisual universal.

ACCATTONE (1961) | Mércores 24 de abril, 21h00

*Colección Filmoteca de Galicia: entrada especial de 2’50€ (socixs de balde)

Vai reservando as túas entradas, que son abundantes, pero non tanto!

Poñémonos moradas de cine: especial mes da muller MARZO ’24

Volta o especial máis reivindicativo que estabas agardando. En honor ao 8M, Día da Muller, e como en anos precedentes, dedicamos este mes moi especialmente a elas: directoras, produtoras, realizadoras, guionistas, actrices e un largo etcétera, ás súas historias e andanzas polo cinematográfico.

O primeiro filme dará inicio aos actos da semana da muller do Concello de Vilagarcía. Tráemosche en colaboración coa Área de Igualdade do Concello (CIM) unha sátira delirante dun homicidio, cun sutil humor feminista de fondo, escuro e sanguento como soamente unha directora belga como Véronique Jadin sabería facer. Vén coñecer á empregada premium deste mes:

A EMPREGADA DO MES (2021) | MÉRCORES 6 de marzo, 21h00

*Entrada de balde ata completar aforo grazas a colaboración co CIM de Vilagarcía

E de homicidios continúa a cousa, porque como segundo filme este mes tráemosche nin máis nin menos que a cinta máis aclamada deste ano, a favorita para gañar o Oscar a mellor filme, e previamente gañadora da Palma de Oro en Cannes, probablemente a única película dun xuízo que SI é interesante! Unha anatomía coa que estarás en vilo ata o final intentando esclarecer que aconteceu: foi ela, non foi ela? Este non é un xuízo calquera, e o xuízo de toda a sociedade contra as mulleres, representadas na figura dunha muller, Sandra Hüller, que deberá xustificar ante todos as súas eleccións vitas, cada un dos seus pasos, e cada ínfimo matiz das súas palabras. Como nos amosa Justine Triet, todo poderá ser utilizado na súa contra:

ANATOMÍA DUNHA CAÍDA (2023) | VENRES 15 de marzo, 21h00

E de regalo unha terceira película para facer este mes especialísimo. Unha cinta doblemente reivindicativa: a biografía dunha poeta demasiado moderna para o seu tempo que loita por facerse un oco como artista, Fumiko Nakajo, filmada por unha directora que tamén loitou por abrirse camiño na xerárquica e masculina industria cinematográfica do Xapón de mediados do século XX, Kinuyo Tanaka. Non te chega de paralelismos? As dúas recibirían na súa busca artística o apoio de homes que actuaron como os seus mentores: Nakajo do tutor do seu clube de poesía, Tanaka dos directores cos que previamente traballara como actriz protagonista, principalmente Ozu; tamén as dúas acabarían consumidas polo cancro. Unha xoia clásica de indubidable delicadeza que rescatamos con moito agarimo este mes:

PEITOS ETERNOS (1955) | VENRES 22 de marzo, 21h00

Programación Filmoteca

Non sei ti pero nós acabamos moradas!

Página 1 de 20

© 2024 Cine Clube Ádega & Web desarrollada por Prixma. &Aviso Legal - Política de Privacidad - Política de Cookies

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies