Categoría: Novas (Página 1 de 15)

As mulleres chegan con forza ao Cine Clube este novembro! Segue lendo:
“Un dos mellores filmes independentes xamais feitos” é un dos reclamos máis repetidos entre a crítica sobre Wanda, a única longametraxe de Barbara Loden, unha road movie independente e semiautobiográfica protagonizada pola propia directora na que seguimos a unha muller que se dirixe irremediablemente cara a súa perdición. A cinta viu a luz en 1970, ano no que gañou no festival de Venecia por mellor película internacional e recibiu o aclamo inmediato nos círculos culturais europeos (como dato, Marguerite Duras proclamouse fan do filme). No seu país de orixe, porén, a cinta pasou bastante desapercibida, sendo incluso desprezada por sectores feministas que vían en Wanda a unha muller pasiva en mans dos homes. O tempo contribiu a unha revisión e xusta revalorización do filme, que é hoxe visto como unha excepcional representación intimista da desigualdade social estadounidense, así como unha cinta eminentemente feminista e antipatriarcal. Pero a reticencia inicial da crítica estadounidense dificultou a distribución do filme ata fai pouco; escasos son os cine clubes e salas do noso país que acolleron a Wanda, polo que podemos asegurar que esta é unha ocasión exclusiva para visionar esta peza mestra.
WANDA (1970). Proxección: MÉRCORES 9 de novembro, 21h00
E continuamos con historias de cine independente protagonizadas por mulleres, nesta ocasión para conmemorar o día internacional contra a violencia contra a muller (25N). 20th Century Women, mulleres do século XX, é unha obra escrita e dirixida por Mike Mills, director estadounidense que xa é coñecido dentro do cine independiente pola súa empatía e sensibilidade. Cun estupendo reparto (Greta Gerwig, Elle Fanning, Annette Bening, Billy Crudup…) nos achegamos as vidas de tres mulleres a finales dos anos 70, con todo o que implica: amor, alegría, dor, amizade, cuestionamento identitario, a asunción da adultez…
Ofrecemos o visionado deste filme xunto coa Área de Igualdade do Concello de Vilagarcía (CIM), polo que o acceso estará aberto para todo o público.
20TH CENTURY WOMEN (2016). Proxección: VENRES 25 de novembro, 21h00.
Si, si, liches ben: este segundo filme proxectarase o VENRES, coincidindo coa data oficial do 25N. Ademais, despois da proxección animaremos aos cineclubistas a vir tomar algo para, nun entorno informal, iniciar un coloquio arredor dos temas tratados no filme e calquera outro. Non perdas esta ocasión de participar no primeiro encontro do Cine Clube Ádega, onde poderás achegarnos as túas opinións, intereses, comentarios… ou simplemente falar de cine, que é o máis nos gusta facer! Agardámoste!!
Para reserva de prazas para as proxeccións, preme aquí.

Tras unha pequena pausa de verán e unha semana de cine moi concurrida, o Cine Clube volve ao Salón García cunha nova tempada de cine clásico e moderno, sorprendente e reconfortante, hilarante e demoledor… temos para todos os gustos!
A cita comeza mañá mesmo. No marco de Festivala: mulleres creando, convidámosvos a reflexionar sobre a saúde mental das mulleres da man da escocesa Lynne Ramsay e o seu filme We need to talk about Kevin (2011). A partir da relación tortuosa dunha nai co seu fillo, exploraremos a temática da maternidade e os sentimentos de angustia, medo ou culpa que a miúdo experimentan as nais, invisibilizados nos discursos normativos e idealizados sobre o embarazo e a crianza. A entrada será de balde! Proxección: mércores 7 de setembro, 21h00.
Non vos preocupedes se esta primeira cita vos deixa mal corpo, porque a programación continúa cunha divertida sátira que nos trae a unha irreconocible Penélope Cruz, transformada desta vez en exitosa directora de cine que deberá lidiar con dous egos masculinos tan imposibles como o proxecto que ten entre mans. Benvid@s ao mundo do cine e da Competencia oficial (2021). Proxección: mércores 21 de setembro, 21h00.
Ata aquí a carteleira de setembro!
Recordade que podedes compartir a vosa opinión sobre os filmes propostos tras cada proxección a través da nosa canle de Telegram, así como enviarnos as vosas suxerencias, comentarios ou cuestións. Queremos que esta canle se converta nun espazo interactivo, participativo e horizontal para todas as persoas que forman o cine clube: vós! Para unirvos á comunidade, só tedes que premer no seguinte enlace: canle do Cine Clube Ádega.
Ademais, podedes asegurarvos unha praza reservando as entradas aquí! Vémonos no Salón García.

O evento cinematográfico do ano volta a Vilagarcía. Do 1 ao 6 de agosto traémosche unha programación internacional do máis variada, filmes moi actuais e clasicazos que sempre paga a pena volver a ver!
Ademais, este ano quixemos centrarnos no local e no próximo, no propio e no veciño. Por iso teremos dous encontros moi especiais: o primeiro, un encontro coa escritora e cineasta galega Margarida Ledo, quen nos presentará o seu filme documental Nación, onde retrata un caso recente da loita obreira protagonizada por mulleres; no segundo invitamos aos lusos Isa Catarina Mateus e António Costa Valente, representando á Federação Portuguesa de Cineclubes e ambos con distintos cargos na Federación Internacional de Cineclubes, quen nos ofrecerán unha mostra de curtametraxes portuguesas dos últimos anos para amosarnos o que están facendo os nosos veciños do outro lado do Miño.
Por suposto, non podía faltar a música en directo acompañando un dos grandes éxitos do cine mudo, que será musicalizada pola banda Fuzzo. E todo culminará nunha gran pantalla na praia, desfrutando do solpor ao ritmo de blues.
Bótalle un ollo á programación, e non te perdas esta refrescante carteleira de verán!


Este mes de xuño traémosvos un contido moi especial!
Como cada ano, o 5 de xuño é o Día Mundial do Medio Ambiente, polo que vos propoñemos un ciclo de medio ambiente con dúas películas que poñen sobre a mesa algunhas das problemáticas máis acuciantes ás que nos enfrontamos como sociedade:
Comezaremos co documental Grazas pola choiva (2017). A partir das grabacións caseiras do granxeiro keniano e protagonista do documental Kisilu Musya, esta primeira longametraxe da noruega Julia Dahr retrata os efectos devastadores do cambio climático e o necesario diálogo Norte-Sur na loita pola xustiza climática. Proxección: mércores 8 de xuño.
A segunda proposta do ciclo é a macedonia Honeyland (2019), unha cinta que evidencia o fráxil equilibrio entre a humanidade e a Natureza a través da mirada dunha recolectora de mel que habita coa súa nai dependente nun lugar inhóspito dos Balcáns. Esta historia chea de tenrura reivindica con gran maestría a ética dos coidados e a interdependencia existente entre as persoas, e entre estas e o seu entorno, ó tempo que amosa os perigos da avaricia humana. Proxección: mércores 15 de xuño.
Pero iso non é todo!
Xuño non é só un mes para pensar no planeta; é tamén un mes para festexar algunhas das conquistas sociais das últimas décadas, como é o Día do Orgullo LGTBIQ+ o 28 de xuño. Xunto coa Área de Igualdade do Concello de Vilagarcía (CIM), eliximos un filme para a ocasión que será totalmente de balde:
Dos Balcáns pasamos ó Cáucaso con Só nos queda bailar (2019), unha obra que narra o despertar (homo)sexual do seu protagonista e as dificultades coas que topará para encaixar nunha sociedade onde a heterosexualidade é a única expresión aceptada. O seu director, Levan Akin, nado sueco de pais georgianos, cuestiona aquí o peso da tradición e dos valores culturais na construcción da identidade individual, a masculinidade e o desexo. Baixo o ton cálido, a fermosura da danza e o poder visual das imaxes, nos atopamos ante un filme político que nos recorda que os dereitos individuais e a liberdade sexual non son unha realidade en todo o globo. Proxección: mércores 29 de xuño.
Como sempre, as entradas xa están a disposición aquí!

Do oscarizado director Ryûsuke Hamaguchi (Drive My Car, mellor película estranxeira nos Oscars 2022), este mes de maio traémosvos A ruleta da fortuna e da fantasía (2021), o seu filme anterior que tivo unha enorme acollida entre a crítica internacional. Dividida en tres historias independentes, esta obra de apariencia sinxela e dotada de asombrosa simetría estructural nos fala do azar das relacións humanas, de segredos por confesar e sentimentos non expresados que farán aflorar entre os personaxes (e o público) as emocións máis profundas. É unha cinta que non deixa de sorprender. Proxección: mércores 4 de maio.
E co motivo do Día das Letras Galegas, este ano proxectaremos A virxe Roxa de Marcos Nine, o documental que se alzou gañador do premio Mestre Mateo deste ano polo seu poderío visual e narrativo. O documental, que inclúe partes de animación, recupera a historia da ferrolá Aurora Rodríguez, muller que pasou á historia por se-la asasina de Hildegart Rodríguez, a súa propia filla, concibida por Aurora coma un experimento. Se queres saber máis sobre estas dúas mulleres non te perdas a proxección. A entrada será de balde, e o director Marcos Nine estará presente para introducir a súa obra e conversar co público. Proxección: mércores 18 de maio.
Reserva xa as túas entradas aquí!