Este mes de maio focalizamos a mirada cinematográfica en Europa, con tres filmes moi distintos entre sí, cada un unha xoia de pleno dereito, se cadra esquecida ou pouco (re)coñecida, motivo polo que lles dedicamos un merecido espazo na gran pantalla. De obrigado cumprimento neste mes das Letras Galegas é a promoción do cinema galego, polo que traemos desta vez unha cinta contemporánea potencialmente aditiva. Intrigada? Pois apunta:
De Suecia rescatamos un clásico moderno, a gañadora ao Globo de Ouro a mellor filme extranxeiro de 1987, un relato agridoce no que o universo infantil do seu protagonista, un neno de 12 anos, vese arrebatado pola enfermidade materna e, como un can, sen voz nin voto, é enviado a unha nova vida no campo. Tamén nomeada a mellor dirección e guión adaptado nos Oscars dese mesmo ano, este filme consolidou a Lasse Hallström na escena internacional como director e guionista, con ese estilo propio co que logra capturar a duzura e a esperanza incluso nos momentos máis crus.
A MIÑA VIDA COMO UN PERRO (1985). Proxección: mércores 3 de maio, 21h00
E do leste de Europa, retornamos ao noso oeste para festexar o día das Nosas Letras cun filme contemporáneo sobre a Galiza do século XX que abre as portas a unha historia curiosa, sorprendente e descoñecida que tivo, en cambio, un gran impacto na nosa cultura e economía: falamos do cláviceps purpúrea, un fungo alucinóxeno que agroma nos cereais, e que atopou na Galiza un dos lugares de maior produción mundial. Queres saber máis? Pregúntalle a Sabela Iglesas e Adriana P. Villanueva, as súas directoras, que nos acompañarán durante o visionado do seu documental para dialogar co público e aclarar todas as curiosidades sobre este fungo tan descoñecido e tan presente.
NEGRO PÚRPURA (2021). Proxección: mércores 10 de maio*, 21h00. Entrada DE BALDE
*Por mor das eleccións municipais, a proxección Especial Letras Galegas será antes da data oficial do 17 de maio
A última parada por Europa nos leva de novo cara ao leste do continente, da man dun dos máis aclamados directores contemporáneos que este nos ofrece, o internacionalmente afamado e icónico Béla Tarr. Rescatamos do realizador húngaro unha das súas últimas longametraxes, estreada en 2000 aínda que co seu característico branco e negro, un filme de planos longos e temática sombría que segue a tradición da anterior Sátántangó e que, con varias horas menos de metraxe, é considerada a nivel similar de beleza, orixinalidade e vehemencia. Un filme no que argumento e estética van á par e suscitan unha profunda reflexión sobre o comportamento das masas e o poder da demagoxia.
HARMONÍAS DE WERCKMEISTER (2000). Proxección: mércores 31 de maio, 21h00
Recorda como sempre que podes reservar a túa praza, votar na canle de Telegram, ou facernos chegar as túas suxerencias e comentarios por calquera das vías de comunicación das que dispomos. Elixe a túa e contacta! Queremos saber a túa opinión 🙂
How to Have Sex (especial 25N)
Salón García
Rúa do Alcalde Rey Daviña, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra
El chico y la garza
Salón García
Rúa do Alcalde Rey Daviña, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra
Espectáculo filme concerto DJ Maefield
Salón García
Rúa do Alcalde Rey Daviña, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra
Deja una respuesta