Chega setembro e toca retornar ás aulas onde aprender, expandir a curiosidade e socializar… as salas de cinema! Velaquí o currículo cinematográfico para este novo período:

Cun estilo documental que xoga entre os límites da ficción e da realidade, e notas de film noir que se achegan ao Vertigo de Hitchcock, traémosche un moderno drama romántico na China moderna. Un filme enormemente aclamado pola crítica e considerada a mellor obra do seu director Lou Ye, quen en todo momento xogará a sorprender ao espectador con xiros inesperados, alegorías, saltos de temporalidade e escenario, ou incluso confusión entre as personaxes que conforman este cadro inasible.

SUZHOU RIVER | mércores 11 setembro, 20h30

De relacións insospeitadas versa tamén o filme biográfico sobre o rockeiro Mauricio Aznar, recoñecido no festival de San Sebastián de 2023. O músico recorre Latinoamérica fuxindo da pantasma da adición, e polo camiño será acollido por outro músico co que desenvolverá unha tenra así como extravagante amizade. Rock e folclore unidos neste filme de Javier Macipe.

LA ESTRELLA AZUL | venres 27 setembro, 20h30

Outubro chega e nos atrapa na soidade e nos ritmos lentos. Se os protagonistas anteriores de antes se atopaban, agora despídense. Dende un minimalisto exquisito, observamos a separación de dúas amigas que xa non viven xuntas, unha mudanza que porá en vilo a súa amizade, unha partida que abre fendas se cadra insalvables.

A MOZA E A ARAÑA | mércores 9 de outubro, 20h30

E cunha estrea pechamos a programación desta etapa. Pero non unha estrea nova, senón unha que xa tivo lugar en 1977. En homenaxe á recén falecida diva da interpretación Gena Rowlands, proxectamos a película na que separar a actriz da personaxe resulta complexo por partida dobre, e a idade xa se presenta coma un monstro ao acecho das grandes artistas. Como de habitude, da man de John Cassavetes, vemos a unha Rowlands brillar e perderse na escuridade a un tempo.

NOITE DE ESTREA (OPENING NIGHT) | venres 18 de outubro, 20h30

Reserva xa as túas entradas e non perdas o comezo de curso no Salón García!