Despois destas datas tan sinaladas, e tras o especial de decembro, este 2024 voltamos á normalidade da nosa programación bimensual!
Por se non tivestes suficiente atracón de familia, ou se xa a estades a botar de menos, non comecedes co detox aínda, porque este XANEIRO promete ser máis familiar que nunca:
Xusto cando crías que tiñas a vida resolta —tranquilidade no traballo, os fillos colocados, a túa nai xa maior atendida…— vai o teu marido e marcha con outra. Isto é ao que se enfronta o personaxe protagonista da película coa que te propomos comezar o 2024. Abrumadora, emotiva e delicada son algúns dos termos cos que se adoita describir este filme de gran profundidade emocional, sen por iso perder a súa lixereza e encanto, co que nos adentramos nunha crise existencial en torno á familia da man da enormísima Isabelle Huppert, co sutil romanticismo ao que Mia Hansen-Løve nos ten habituadas en guion e cámara.
Quen sabe o que nos agarda o porvir este 2024? Por se acaso, esta profunda reflexión en torno ás relacións pode axudarnos a estar preparadas.
O PORVIR (2016). Proxección: MÉRCORES 10 de xaneiro, 21h00
E continuamos cunha familia moito máis real e próxima: a familia Campos. Se vos digo Chichi, vós dicides… Así é, o pioneiro da banda deseñada en galego, humorista gráfico, guionista… faleceu na década dos 90 antes de cumpriren os 40 anos. Da man do seu fillo Nico Campos, achegámonos a esta figura irreverente do panorama galego antifranquista, nun documental que busca rescatar a memoria do seu pai e rendirlle homenaxe, ao tempo que trata de dar resposta a moitas das cuestións que quedaron sen responder tras a súa prematura morte, dende a perspectiva dun fillo que tiña tan só 11 anos cando isto aconteceu.
Por certo, que Nico Campos estará ese día con nós para presentarnos ao seu pai e abrir un diálogo co público!
CHICHI E MAIS EU (2023). Proxección + Coloquio con Nico Campos: VENRES 26 de xaneiro, 21h00
Tras abrir estas cuestións familiares, en FEBREIRO toca recollemento, un tempo para o íntimo e privado…
Precisamente no papel de detective privado, Gene Hackman desvela os segredos ocultos dun matrimonio en principio anodino, ata que, pouco a pouco, vaise dando de conta que a infidelidade non é o único misterio que esconde esta parella… Pese á súa Palma de Ouro a mellor película en Cannes (1974), e á aclamación unánime da crítica, esta é a película máis esquecida de Francis Ford Coppola, quizais porque a realizou entre o Padrino I e II. Un brillante thriller que consigue manter a tensión en todo momento, grandes actuacións e un guion asinado polo propio Coppola no que, xa nos 70, se cuestiona sobre a relación entre intimidade e intrusión tecnolóxica. Un adiantado!
A CONVERSA (1974). Proxección: VENRES 23 de febreiro, 21h00
**Se queredes saber máis sobre o cinema dos 70, non vos perdades o episodio do noso podcast O Gafapasta Plasta: especial anos 70.**
Se temos un plan preferido para o frío inverno, sen dúbida ese é ir ao cine, como lles acontece os protagonistas da última película que proxectaremos este febreiro. Ansa e Holappa se atopan por azar nunha fría cidade finlandesa. Cada un ve na outra persoa unha esperanza: o desexo de superar os seus problemas persoais, a posibilidade de atopar sentido na vida xunto a alguén. Pero o caprichoso azar que os xuntou parece obrar na súa contra.
Coa habitual tenrura de Kaurismäki, o director finés nos presenta na súa última película, Premio do Xurado en Cannes (2023), un sinxelo mais emotivo romance intimista, unha traxicomedia que fala non só de amor, senón tamén do illamento social, da adicción e das pobres condicións laborais, da loita pola supervivencia nun mundo cada vez máis hostil e menos humano. Pero, tamén típico de Kaurismäki, sempre queda espazo para a esperanza.
FALLEN LEAVES (2023). Proxección: MÉRCORES 28 de febreiro, 21h00
Reserva xa as túas entradas para este 2024!
Un nome para o que sou (colaboración EOI)
Salón García
Rúa do Alcalde Rey Daviña, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra
How to Have Sex (especial 25N)
Salón García
Rúa do Alcalde Rey Daviña, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra
El chico y la garza
Salón García
Rúa do Alcalde Rey Daviña, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra
Espectáculo filme concerto DJ Maefield
Salón García
Rúa do Alcalde Rey Daviña, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra