Este decembro, como cada ano, celébrase en Vilagarcía a semana de MULLER E CULTURA, organizado pola Área de Igualdade (CIM) do Concello. Nesta ocasión, o evento centrarase no ámbito audiovisual, a nosa especialidade!!! É por este motivo que nos aliamos co CIM para ofrecervos unha programación moi moi especial.

Tan especial, como que a nosa primeira convidada será, nada máis e nada menos, que a gañadora deste ano da cuncha de ouro no Festival de San Sebastián e a primeira directora española en acadalo: Jaione Camborda. Case nada! Como xa todas sabedes de seguro, Jaione gañou coa súa segunda longametraxe, O Corno, gravada entre A Illa e Vilanova, e, por suposto, en galego, porque esta donostiarra xa é galega de corazón. Nós non imos traer O Corno (ooooh), pero si a Jaione (beeeeen), porque se hai unha muller que aparece como sinónimo de audiovisual e galego agora mesmo, é ela. E crédenos que ten moito que contarnos.

Pero non nos imos limitar a falar con ela. O coloquio será precedido polo visionado da súa primeira longametraxe: Arima. Tanto para as que vistes O Corno como para as que non, Arima é imprescindible para entender a traxectoria desta cineasta, e permitiranos crear un marco dende o que analizar o audiovisual galego, o espazo da muller, as temáticas e medios, os referentes… e moito máis. Así que prepadas porque:

VENRES 15 DE DECEMBRO: COLOQUIO CON JAIONE CAMBORDA + PROXECCIÓN DE ARIMA (2019)

Unha vez repostas desta xornada, seguimos! Porque o especial “Muller e audiovisual” ten que incluír a máis de unha muller, certo?

E no audiovisual, aínda que ás veces o esquezamos, non hai só directoras, e non soamente as longametraxes son cine. Por iso, para a segunda xornada, quixemos crear un espazo no que escoitar as voces máis esquecidas da industria: mulleres que comezan no audiovisual, mulleres que traballan nos vericuetos, entre fotograma e fotograma e frase e frase, facendo que todo cobre sentido. Por iso:

SÁBADO 16 DE DECEMBRO: CONVERSA CON LAURA E CORAL PIÑEIRO, MÓNICA ALONSO E VERÓNICA CALLÓN + PROXECCIÓN DE CURTAS FEITAS POR CINEASTAS GALEGAS

Queriamos que as curtas foran unha sorpresa… pero, precisamente porque estamos a falar das mulleres no audiovisual, lles debemos a estas creadoras o recoñecemento que se merecen polo seu traballo, así que velaquí está a selección de curtas da que poderedes gozar o sábado no Salón García:

  • Aurelia (2011) Milena Martínez
  • Na pel da memoria (2022) Laura e Coral Piñeiro
  • Ruovesi (2023) Andrea Zapata-Girau
  • 30’ 70 60 120’ (2021) Marta Valverde
  • O neno sardiña (2022) Lucia Estevez
  • Crónica dun recordo (2022) Zahira Teijelo

Recordámosvos que como este ESPECIAL está patrocinado polo CIM Vilagarcía, todas as actividades serán DE BALDE, así que apuntádevos xa!! E vide gozar do cine, como sempre, na mellor compañía 😉