Liches ben: mes, non día, porque no Cine Clube Ádega queremos dedicarlle todo este mes de marzo ás mulleres no cine. Como en tantos outros ámbitos, as directoras, guionistas, actrices… tradicionalmente teñen sido esquecidas ou invisibilizadas. Por iso, neste MES DA MULLER, propómoste dúas citas moi especiais, cunha sorpresa final, para sacar do esquecemento e reivindicar as aportacións que as mulleres fan, e fixeron, ao audivisual internacional. Segue lendo:
Conseguir facer a túa primeira longametraxe non é doado para ninguén, especialmente se a directora é unha muller, moi especialmente se a película trata unha temática en principio “feminina”. Por sorte, nos últimos anos o número de mulleres que se adican ao cine está en aumento, e con elas chegan novas temáticas e formas distintivas de tratalas. Nós quixemos amosar o traballo máis recente do panorama nacional, cun filme que recentemente gañou o Goya a mellor dirección novel para Alauda Ruiz de Azúa e a mellor actriz protagonista para Laia Costa, ademais de varios premios Feroz, Forqué, no Festival de Málaga, e o Gaudí a mellor película europea… un filme que leva meses dando que falar polo seu retrato dunha recente nai superada pola maternidade e que pide auxilio:
CINCO LOBITOS (2022). Proxección: VENRES* 10 de marzo, 21h00 | entrada libre
*este filme proxectarase en VENRES para que o mércores 8 vos poidades unir á manifestación
A seguinte será unha cita co lado máis rebelde da Europa do leste: unha sátira surrealista protagonizada por dúas mulleres que deciden romper con toda norma e xogar coa realidade sen preocuparse das consecuencias. Esta cinta subversiva e experimental dos anos 60 da checoslovaca Vera Chytilová (guion e dirección) foi recoñecida como a mellor película do país en 1966 e considerada unha das mellores aportacións da New Wave checa. Na actualidade, segue sendo citada como a mellor película checa. Porén, a súa distribución foi rapidamente prohibida polo réxime comunista debido ao seu carácter crítico e durante décadas pasou desapecibida. Este mes a poñemos en valor como se merece! Coa súa mistura de cores e caótica estructura, Chytilová rompe coa visión patriarcal dun único tipo de muller esencializada e desposuída de personalidade, que aínda se intenta aplicar hoxe en día:
SEDMIKRASKY (1966). Proxección: MÉRCORES 22 de marzo, 21h00
E falando de experimental e muller, non podiamos deixar pasar a oportunidade de proxectar esta xoia de 14 minutos de Maya Deren (dirección, guion, actuación) que xa en 1943 erixiuse como un dos filmes experimentais máis importantes do cine e converteu á súa directora, unha muller, nunha icona de referencia no panorama estadounidense dos 40 e 50:
MESHES OF THE AFTERNOON (1943). Proxección: MÉRCORES 22 de marzo, tras SEDMIKRASKY
Esta cinta muda estará acompañada por música en directo da man de 3 excelentes artistas do panorama local: Iria Caamaño ao piano, Andrea Petisco ao violonchelo e Jorge Ortal ao violín.
Unha cita única e un final máxico para reivindicar este mes da muller na industria cinematográfica!!